Este sábado tivemos unha intensa xornada. Por un lado, desde o noso club, Luca Janiszewski (-66 kg) e Paula Yáñez (como adestradora) desprazáronse á Supercopa de España Júnior en Valencia, como parte do equipo NUGA, no que tamén participaron Rocío Castro, Hugo Berto, Samuel Tato, Francisco García, Antón García e Luca, pertencentes ao Judo Club Base. Luca debutou nesta nova categoría de peso e idade, que abarca tres anos e implica grandes cambios na maduración, logrando unha vitoria. Aínda que caeu na segunda ronda e non puido seguir loitando por medallas, esta xornada permitiunos non só avaliar o noso nivel e dar comezo á nova tempada, senón tamén compartir momentos especiais co resto dos participantes, fortalecendo o noso espírito de equipo. Foi, sen dúbida, unha experiencia moi positiva para todos os integrantes.
Por outra banda, tivemos o privilexio de asistir ao III Stage San Froilán, un evento magníficamente organizado por Judo Lugo, que se desenvolveu en dúas intensas xornadas de mañá e tarde. Este ano, contamos coa presenza dunha poñente excepcional, Amandine Bouchar (U52 FRA), dobre medallista olímpica en Toquio e París, que compartiu o seu vasto coñecemento co noso equipo de tecnificación. Os nosos judocas, acompañados polos profesores herculinos Vinicius e Alberto, así como pola destacada Estrella López Sheriff, técnica do clube e da federación, tiveron a oportunidade de perfeccionar a execución do Kata Guruma e participar en dúas intensas sesións de randori. Foi unha experiencia de gran valor formativo e de altísimo nivel para todos os participantes.